Proxecto Xela Arias: Escritora galega homenaxeada co Día das Letras Galegas 2021
O 2021 homenaxea polas Letras Galegas a Xela Arias e, navegando pola súa bibliografía, topamos con Tigres coma cabalos, unha obra na cal ela e o fotógrafo Xulio Gil intercambian as súas obras para completalas. Xulio aportou 24 imaxes ás que Xela engadiu versos e Xela 24 poemas aos que Xulio uniu fotografías para completar o álbum. Tigres coma cabalos serve como alicerce para o proxecto escolar Xela Arias no cal facemos un exercicio semellante para crear a nosa galería particular do proxecto Xela. Practicaremos escrita creativa e fotografía/ilustración aportando letras a imaxes de compañeiros/as ou imaxes a versos alleos así como engadindo tamén fotos e textos para que outros poidan completar coas súas obras. Aceptas o reto? Achégate ao museo do Proxecto Xela Arias, inspírate, partilla e desfruta. Un mundo de imaxe un mundo de palabras.